Saltos ou espaciadores
Os saltos de páxina e os saltos de liña (saltos de sistema) créanse arrastrando un símbolo de salto de páxina ou de liña desde a paleta de saltos para un sitio baleiro dun compás da partitura. O salto prodúcese despois do compás marcado. Os símbolos verdes de salto son visíbeis na pantalla mais non aparecen ao imprimir.

Ás veces precísanse saltos de sistema no medio dun compás (especialmente en himnos estróficos ou lieder). Por exemplo, se se quere tres pulsos nun sistema e unha anacrusa de un pulso no sistema seguinte, hai que crear dous compases de duración reducida. Para máis detalles vexa as seccións "Duración" e "Irregular" en Operacións cos compases, así como a derradeira sección.
Os espaciadores empréganse para aumentar o espazo entre dous pentagramas consecutivos. Arrastre e solte un espaciador sobre un compás por riba da zona que precisa de máis espazo vertical. Prema dúas veces o espaciador e arrastre o selector co rato para axustar a altura do espaciador.
Se quere axustar o espazo entre os pentagramas en toda a partitura empregue as opcións de estilo. Os espaciadores están deseñados para os axustes locais.