Formatos de ficheiro

Updated 1 year ago
This page shows old instructions for MuseScore 1.
For MuseScore 4 users, see Formatos de ficheiro.

O MuseScore admite unha ampla variedade de formatos de ficheiro, o que permite compartir e publicar partituras no formato que máis se axeite ás necesidades de cada un. Pódense importar ficheiros mediante FicheiroAbrir... e exportar mediante ficheiroGravar como.... Para alén dos formatos que se detallan embaixo, pódense gravar e compartir as partituras na web en MuseScore.com FicheiroGravar en liña....

O formato nativo do MuseScore

Formato comprimido do MuseScore (*.mscz)
MSCZ é o formato normal do MuseScore e recoméndase para a maioría dos casos. As partituras que se gardan neste formato ocupan pouco espazo e conservan toda a información precisa. O formato é unha versión comprimida con ZIP dos ficheiros .mscx e inclúe imaxes.
Formato do MuseScore (*.mscx)
MSCX é a versión sen comprimir do formato de ficheiro do MuseScore que se emprega na versión 0.9.5 e posteriores. As partituras que se gardan neste formato non perden nada de información e recoméndase se se precisa modificar á man o formato do ficheiro cun editor de texto. As versións anteriores do MuseScore empregaban a extensión de ficheiro MSC. Porén, MSC ten conflitos de asociación de extensión de ficheiros no Windows da Microsoft e algúns fornecedores de correo electrónico bloquéano. A nova extensión de ficheiro MSCX substitúe á extensión de ficheiro antiga MSC debido aos problemas resumidos aquí.

Nota sobre os tipos de letra: O MuseScore non incorpora os tipos de letra ao ficheiro. Se desexa compartir un ficheiro do MuseScore con outras persoas, escolla un tipo de letra para o texto que as outras persoas teñan instalado. Cando un computador non ten os tipos de letra indicados no ficheiro, o MuseScore emprega unha fonte de reserva. É obvio que ese tipo de letra de reserva terá unha aparencia distinta.

Os ficheiros de seguranza do MuseScore

Ficheiro de seguranza do MuseScore (.*.mscz, or .*.mscx,)
Os ficheiros de seguranza créanse automaticamente e grávanse no mesmo cartafol que o ficheiro normal do MuseScore. O ficheiro de seguranza engade un punto ao principio do nome do ficheiro (.) e unha vírgula (,) ao final (por exemplo, se o ficheiro normal se chama «sentitulo.mscz», a copia de seguranza chámase «.sentitulo.mscz,». A copia de seguranza contén a versión anterior gravada do ficheiro do MuseScore e pode ser importante se a copia normal se corrompe ou se hai necesidade de mirar unha copia lixeiramente anterior da partitura. Para abrir un ficheiro de seguranza do MuseScore haille que mudar o nome ao ficheiro eliminando o punto e a vírgula. Dado que se almacena no mesmo cartafol que o ficheiro normal de MuseSocre, tamén lle hai que dar un nome diferente (por exemplo, poderíase mudar o nome de ficheiro «sentitulo.mscz» para «sentitulo-seguranza1.mscz».
Se está a usar Linux hai que mudar as opcións de visualización para que se mostren os «ficheiros ocultos» para poder ver os ficheiros de seguranza do MuseScore.

Imprimir e ler (só exportar)

PDF (*.pdf)
Portable Document Format (PDF, «Formato de documento portábel») é ideal para compartir partituras con quen non precise editar a música. A maioría dos usuarios dispoñen xa dun visualizador de PDF no seu computador, polo que non teñen que instalar ningún software adicional para ver as partituras.
PostScript (*.ps)
PostScript (PS) é popular como linguaxe de descrición de páxinas empregado polas imprentas profesionais.
PNG (*.png)
Portable Network Graphics (PNG, «gráficos de rede portábeis») é un formato de imaxes de bits moi estendido entre o software de Windows, Mac OS e Linux. Este formato de imaxe é especialmente popular na web. As partituras con varias páxinas exportan un ficheiro PNG por cada páxina. O MuseScore crea imaxes tal e como aparecerían nunha páxina impresa. Se desexa crear imaxes que mostren elementos que só aparecen na pantalla, como as molduras, as notas invisíbeis e as cores de fóra da tesitura, vaia a EditarPreferencias... (Mac: MuseScorePreferencias...), prema a lapela Exportación e marque a opción «Función de captura de pantalla».
SVG (*.svg)
Os Scalable Vector Graphics (SVG, "gráficos vectoriais escalábeis") pódenos abrir a maioría dos navegadores web e a maioría do software de gráficos vectoriais. Porén, a maioría do software de SVN non permite fontes embebidas, polo que hai que instalar as fontes de MuseScore para ver correctamente estes ficheiros.

Escoitar (só exportar)

Audio WAV (*.wav)
WAV (Waveform Audio Format) é un formato de son sen comprimir desenvolvido por Microsoft e IBM mais moi coñecido polo software de Windows, Mac OS e Linux. É un formato ideal para crear CD dado que non se perde a calidade do son no proceso de gravar o ficheiro. Porén, o tamaño tan grande dos ficheiros fai que sexa difícil compartilos mediante o correo electrónico ou a web. Esta opción de exportación está dispoñíbel na versión 0.9.5 e nas posteriores.
Audio FLAC (*.flac)
Free Lossless Audio Codec (FLAC) é un formato de son comprimido. Os ficheiros FLAC teñen aproximadamente a metade do tamaño do son sen comprimir e a calidade é igual de boa. Windows e Mac OS non teñen incorporado o recoñecemento de FLAC, mais hai software, como o reprodutor multimedia VLC que pode reproducir os ficheiros FLAC en calquera sistema operativo. Esta opción de exportación está dispoñíbel na versión 0.9.5 e nas posteriores.
Ogg Vorbis (*.ogg)
Ogg Vorbis preténdese que sexa un substituto libre de patentes do popular formato de son MP3. Como os MP3, os ficheiros Ogg Vorbis son relativamente pequenos (con frecuencia unha décima parte do son sen comprimir) mais sempre se perde algo de calidade sonora. Windows e Mac OS non teñen incorporado o recoñecemento de Ogg Vorbis, mais hai software, como o reprodutor multimedia VLC e o Firefox 3.5 e posteriores, que pode reproducir os ficheiros Ogg en calquera sistema operativo. Esta opción de exportación está dispoñíbel na versión 0.9.5 e nas posteriores.

Compartir con outro software de música

MusicXML (*.xml)
MusicXML é o estándar universal para as partituras de música e pódeno empregar a maioría dos programas de creación de partituras dispoñíbeis, incluídos Sibelius, Finale e máis dun cento doutros. É o formato recomendado para compartir as partituras entre distintos editores de partituras.
MusicXML comprimido (*.mxl)
MusicXML comprimido crea ficheiros máis pequenos do que o MusicXML normal. O MusicXML comprimido é un estándar máis recente e de momento non o admiten tantos editores de partituras.
MIDI (*.mid)
Musical Instrument Digital Interface (MIDI, «Interface dixital de instrumentos musicais») é un formato moi aceptado polos secuenciadores e o software de notación musical. Porén, os ficheiros MIDI están deseñados para a reprodución, non para o deseño de partituras, polo que non conteñen información acerca do formato, a denominación da altura, voces, ornamentos, articulacións, repeticións ou armaduras, entre outras cousas. Para compartir ficheiros entre diferente software de notación musical empregue o MusicXML. Se o único que lle importa é a reprodución, daquela empregue MIDI.
LilyPond (*.ly)
O formato LY pódeo abrir o creador de partituras Lilypond . Porén, a exportación a LilyPond está incompleta e é experimental nas versións actuais do MuseScore.
MuseData (*.md) (Só importar)
O ficheiros de LiliPond pódense abrir con Lilypond , un programa gratuíto para escribir partituras. Porén, a exportación a LilyPond é incompleta e experimental nas versións actuais do MuseScore.
MuseData (*.md) (só importar)
MuseData é un formato desenvolvido por Walter B. Hewlett en 1983 como medio primitivo de compartir a notación musical entre software. MusicXML substituíno moi ben, mais na web hai aínda milleiros de partituras neste formato.
Capella (*.cap) (só importar)
Os ficheiros CAP créaos os editor de partituras Capella. O MuseScore importa estes ficheiros con bastante precisión.
Bagpipe Music Writer (*.bww) (só importar)
Os ficheiros BWW créaoos o editor de partituras especializado Bagpipe Music Writer. Esta opción de importación está dispoñíbel nas versións 1.0 e posteriores.
BB (*.mgu, *.sgu) (só importar)
Os ficheiros BB créaos o software para arranxos musicais Band-in-a-Box. O MuseScore inclúe a capacidade experimental de importar do BB.
Overture (*.ove) (só importar)
Os ficheiros OVE créaos o editor de partituras Overture. A opción experimental de importación está dispoñíbel nas versións 0.9.6 e posteriores.